Colabora

Sogama aposta pola eficiencia no tratamento de residuos de cara a 2019

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que o obxectivo é multiplicar por catro a cifra actual de material susceptible de ser reciclado

Beatriz Mato nas instalacións de Sogama | SOGAMA

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que o Complexo Medio Ambiental de Sogama en Cerceda será en 2019 a infraestrutura industrial de tratamento de residuos máis eficiente e con maior capacidade. Así o puxo de manifesto esta mañá a conselleira durante a unha visita ás obras de construción da nova planta na que se recuperarán os envases contidos no lixo en masa (na bolsa negra) e da remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Indicou que as obras rematarán este mesmo mes de xuño, polo que se inicia o período de probas e operará a pleno rendemento a finais deste mesmo ano. Avanzou que a continuación se iniciará a segunda fase, a remodelación da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. No momento no que se conclúan ambas fases, a finais de 2019, Sogama converterase nunha das infraestruturas industriais das súas características máis grandes e eficientes do planeta.

A conselleira de Medio Ambiente puxo como exemplo varias cifras relacionadas coa actividade de Sogama, como o feito de que -desde 1999- procesou na súa planta de clasificación máis de 314.000 toneladas de envases recollidos a través dos contedores amarelos; ás que hai que sumar as 185.000 toneladas que extraeu da bolsa negra, na que se atoparon materiais susceptibles de ser reciclados, que non foron seleccionados en orixe polos cidadáns, e que se poden reintegrar ao circuíto comercial cunha nova vida.

Non obstante, indicou que o obxectivo é multiplicar por catro a cifra actual, polo que coa ampliación tratarase o lixo doméstico de xeito máis eficiente e sostible, acadando a cifra de 120.000 toneladas de materiais que se enviarán aos centros de reciclaxe. Adiantou que estes obxectivos permitirán reducir o uso do vertedoiro a mínimos, pretendendo chegar ao vertido técnico cero, é dicir, que só se desvíe a vertedoiro a parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente.

Sinalou que este reto contribuirá a dar resposta aos obxectivos da Unión Europea en materia de tratamento de residuos e reciclaxe, e Sogama vai un paso por diante, xa que o complexo dará debido cumprimento ao gran obxectivo de limitar o vertido a un máximo dun 10% no ano 2035; posto que Europa trasladou que o uso do vertedoiro debe ser unha excepción, non unha norma.

Ver los comentarios Ocultar los comentarios

Portada

Suscríbete a nuestro boletín diario